26.11.16

RECITAL POÉTICO
Un estupendo recital, en moitos aspectos, o que disfrutamos este venres, 25 de novembro, no noso instituto. Pechamos así os actos da semana "Contra a Violencia de Xénero", algo sobre o que, como dixo Gabriel, nos gustaría non ter que volver a traballar.
Hai que felicitar a todos os participantes así como aos organizadores, porque resultou un acto precioso. Ademais dos Haikus de primeiro e segundo e os carteis de terceiro e cuarto realizados durante a semana o acto final foi un broche de ouro. Contou cunha estupenda presentación de Gabriel, unhas actuacións musicais fantásticas a cargo de  Xabi e de Carla, co remate final de Charo e cos poemas de Alba, que sempre nos sorprende coa fondura de sentimentos e a mesura e precisión na súa expresión.
Gracias a todos os colaboradores, a Damián nas luces, aos músicos e ao público, que nos deixou sorprendidos e encantados coa madurez demostrada.
NON MÁIS VIOLENCIA DE XÉNERO

24.11.16

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Durante esta semana o alumnado do Insti realizou diferentes actividades de sensibilización e toma de conciencia dunha problemática moi preocupante na nosa sociedade. En 1º e 2º ESO, dende a materia de lingua galega, realizáronse uns haikus ilustrados, mentres que en 3º e 4º ESO optouse por un concurso de carteis que se promocionou desde o Grupo da Biblioteca. O venres 25 de novembro terá lugar un recital poético a cargo da alumna Alba S. Canosa, de 4ºB, de poemas propios acompañada ao piano polos alumnos Xabier Lemus (2ºA) e Carla Valiña (3ºA). Serán lidos polos seus autores os seis mellores haikus e remataremos coa actuación ao violonchelo da profe de música, Charo Ureña.
Sería bo que non tivésemos que celebrar este día.

4.11.16


O Pedra da Aguia
mete medo!
Houbo medo, mais ou menos, na tarde-noite deste xoves no noso Insti para pechar o Samaín deste ano.
Logo da comida e dun tempiño de descanso comenzaron as actividades: talleres de creación de terroríficas cabazas, xogos de habilidade e busca do tesouro por equipos e visionado dunha película de terror.
Unha vez repostos do susto cunha boa cea, chegou o punto máis esperado:  “A Espeluznante Contada de Contos de Medo” á luz das velas, xa na noite pecha, entre árbores esqueléticas, lápidas e cadaleitos e vixiados moi de cerca por mouchos, curuxas, morcegos e monstros que ameazaban desde o alto. De primeiro a cuarto, cada quen contou unha historia, ou un “sucedido”, a cal máis terrorífico, para logo pasar unha noite inqueda no ximnasio do Instituto, protexidos contra todo mal por un grupo de seis aguerridos profesores e profesoras dispostos a pasar a noite en vela pelexando contra calquera ameaza xurdida do máis alá ou do máis acó.
Felizmente todo rematou sen máis sustos cun bo almorzo antes de retomar a rutina diaria e entrar, cansos pero contentos, na primeira clase do día. Repetimos?
Aquí queda unha mostra. O que queira máis fotos... na biblio, xa sabedes!

14.10.16

ÁNGEL CARRACEDO
Algunhas persoas teñen a capacidade de transmitir non só coñecementos, que tamén, senón actitudes, visións, formas de entender a vida e aos demais. Ángel, certamente, é unha destas persoas.
Temos diante nosa a un dos científicos máis importantes do mundo, que dirixe un equipo absolutamente punteiro a nivel mundial e cóntacho coa mesma naturalidade que che conta, a continuación, canto lle gusta ir pescar a robaliza... Ten unha axenda intensa, con viaxes frecuentes a diversas partes do mundo, Dá conferencias, asiste e inaugura congresos, escribe libros e artigos nas revistas máis prestixiosas e, non me digades como, saca tempo para visitar os centros escolares e demostrarnos a todos que saíndo de Santa Comba (aí ao lado) pódese chegar a calquera lugar... e falando galego.

E para colmo é un namorado desta terra, á que coñece ben (o Faro Vilán non ten ningún segredo para el)  e á que defende. Graciñas Ángel, polo que fas e graciñas por adicarnos o teu tempo. Temos este día anotado no calendario da nosa biblioteca e do noso instituto.

28.9.16

VIVIMOS
CONVIVIMOS
Pois si, temos un curso enteiro por diante para convivir todos nun mesmo espazo. Non é mala cousa, xa que logo, adicarlle un día a ter unha convivencia "distinta", monte adiante, ao aire libre.
Unha boa camiñata une moito, a que si! Profes e alumnos "sufrindo" costa arriba ata chegar ao cumio do monte e que a vista compense o esforzo. Pena dun pouco máis de sol! Pero o certo é que, polo que me contan, todo o mundo pasouno ben e as pernas aguantaron sen problema. Eso debe quere decir que... queremos máis!!