14.7.16

ADEUS, AGUSTÍN
Ata sempre compañeiro, mestre, amigo.
Todos nós quedamos un pouco máis orfos, un pouco máis sós, porque nos deixou unha gran persoa, un home bo que tamén era un gran escritor. Recordarémolo na súa obra, nos seus libros, pero moitos, moitos, sabemos que sobre todo era un gran ser humano. Foi un gran defensor do noso, sempre aberto aos outros, lido en infinidade de linguas partindo sempre de raíces ben ancoradas na terra, escritor grande desde a humildade máis próxima.
Onte todos os congregados nas súa despedida aplaudiamos a súa memoria, querendo pospoñer no aplauso o derradeiro adeus, tentando prolongar a súa presenza entre nós. 
Foi a terceira vez en pouco tempo que vexo a todo o público posto en pé aplaudindo a Agustín, en sinal de respecto, de recoñecemento e, sobre todo, de cariño á súa persoa, como cando, nunha intervención ante centos de representantes de bibliotecas escolares, quixo acurtar o discurso por non cansarnos máis e todos, a un tempo, puxémonos en pé impedíndolle que fixera tal cousa. Ou o aplauso interminable na adxudicación do Primeiro Premio concedido polos Clubs de lectura das Bibliotecas Escolares que tanto agradeceu e que non puido xa recoller en persoa por moito que o intentou. Ese cariño non se gaña só escribindo bos libros... pero lerémolos, os rapaces e rapazas leranos e Agustín estará entre nós.
Ata sempre, mestre. Grazas.